Aínda que España foi un país neutral na Segunda Guerra Mundial, algúns españois loitaron en distintas frontes desa contenda, entre eles algúns emigrantes galegos.
En 2017 xa puidestes ver en Defensa e Aviación dúas excelentes reportaxes da canle de Youtube Tropa Guripa sobre o galego Manuel Otero Martínez, que emigrou a Estados Unidos tras a Guerra Civil Española e que combateu e morreu no Desembarco de Normandía. Hoxe Tropa Guripa publicou a historia doutro emigrante galego caído nesa contenda: Andrés Pereiro García, natural de Mera, na localidade coruñesa de Oleiros, que emigrou a EEUU coa súa nai e o seu irmán maior por mor da Guerra Civil Española, integrándose moi ben alí.
Despois da entrada de EEUU na Segunda Guerra Mundial en decembro de 1941, Andrés -que cambiara o seu nome por Andrew- foi chamado a filas, alistándose na 29ª División de Infantería do US Army, unha unidade coñecida como a Blue & Gray Division (División Azul e Gris) porque o seu emblema é un yin e yang que inclúe esas cores, para indicar que os seus soldados procedían dos antigos dous bandos da Guerra de Secesión de EEUU.
Andrés aínda non tiña a nacionalidade estadounidense cando se alistou, e sen dúbida un dos alicientes para non marcharse a Arxentina cuns familiares (como lle suxeriu a súa nai) foi obter a cidadanía do país que lle acollía. Morreu combatendo en Bretaña (Francia) o 1 de setembro de 1944, ós 21 anos de idade. Está enterrado no Cemiterio Militar Británico-Americano de Saint-James, en Normandía, preto do extremo nororiental de Bretaña, onde descansan os restos de 4.410 soldados aliados que combateron nas campañas de Normandía e Bretaña en 1944.
O vídeo publicado hoxe por Tropa Guripa recolle o testemuño de Pepe Conchado García, curmán de Andrés, así como diversas fotografías e documentos cos que se reconstruíu a historia da súa marcha a Estados Unidos, o seu alistamiento e a súa morte en combate:
Felicidades a Óscar Galansky, director de Tropa Guripa, polo excelente traballo de documentación que fixo para esta reportaxe, que merece uns cuantos premios por recuperar a memoria dun compatriota que loitou na Segunda Guerra Mundial. Reportaxes tan valiosas como este deberían ser emitidos nos grandes medios e recibir así a atención que se merecen.
|
No te pierdas las novedades y contenidos que te interesan. Únete gratis a Defensa y Aviación en Telegram: Pulsa aquí para unirte |
Opina sobre esta entrada: