Por Álvaro J. Díaz-Mella
A democracia permite castigar a quen incumpre. O problema empeza cando o cidadán deixa de crer que ese castigo sirva para algo.
Todos lembramos algunha promesa política. Unha estrada que ía estar terminada hai anos, un tren que ía chegar, unhas vivendas que ían construírse, unha lista de espera que ía reducirse ou un imposto que non ía subir. Pasan os anos e algúns daqueles compromisos seguen exactamente onde estaban. Nós lembrámolos; quen os asumiu parecen ter máis facilidade para esquecelos.
Debemos esixir a quen goberna que cumpra o que prometeu. Para iso, entre outras razóns, recibiu o noso voto. Naturalmente, poden aparecer circunstancias imprevistas, dificultades orzamentarias ou feitos que fagan imposible ou mesmo desaconsellable levar a cabo un compromiso concreto. Pero entón debe explicar que cambiou, por que xa non pode facer aquilo que asegurou e que alternativa propón. O que non deberiamos aceptar é que o anunciado simplemente desapareza e que, pasado un tempo, quen o anunciou volva pedirnos o voto con novos compromisos coma se os anteriores nunca existisen.
En moitos ámbitos da nosa vida cotiá non aceptariamos con tanta facilidade ese comportamento. Se asinamos un contrato, debemos cumprilo. Se debemos diñeiro, temos que pagalo. Se asumimos unha obrigación no traballo, alguén nos pedirá contas se non a atendemos. Mesmo nas nosas relacións privados sabemos que unha palabra incumprida demasiadas veces termina perdendo valor. Sen embargo, acabamos aceptando que en política poida ocorrer algo distinto: adquírese un compromiso, non se cumpre e, demasiadas veces, non pasa nada.
Entón xorde unha pregunta sinxela: se quen goberna non ten demasiado interese en lembrar o que anunciou, ¿quen debe facelo? En primeiro lugar, a oposición. Non só debe responder á declaración do adversario ou protagonizar a polémica do día. Tamén ten que gardar memoria: comprobar orzamentos e prazos, e preguntar que ocorreu con aquilo que se asegurou que se faría. Ás veces faio e non consegue que se escoite. Outras veces nin sequera actúa coa perseveranza necesaria. Cando ninguén segue un compromiso ata o final, ó gobernante resúltalle máis doado substituílo por outro.
Despois está a prensa. Durante moito tempo falouse dela como o cuarto poder porque debía vixiar ós outros tres. Un medio independente debería poder confrontar a un alcalde, a un presidente autonómico ou ó Gobierno con aquilo que anunciou anos atrás e preguntar que ocorreu. Pero tampouco deberiamos ignorar que a publicidade institucional, os patrocinios públicos e as campañas pagas polas administracións forman parte dos ingresos de moitos medios. Iso non significa que recibir publicidade pública elimine automaticamente a independencia, e dicilo sería inxusto. Si existe, con todo, un posible conflito de intereses que esixe transparencia, especialmente cando determinadas actuacións de comunicación poden canalizarse tamén a través de empresas contratistas ou concesionarias. Deberiamos poder saber quen paga, canto e a que medios chega finalmente ese diñeiro.
Se fallan eses controis, todos aprendemos. O político tamén. Se anunciar unha obra proporciona titulares, fotografías, entrevistas e recoñecemento, mentres deixala sen facer apenas ten consecuencias, o incentivo resulta evidente. Cando chega a seguinte campaña basta con superpoñer novos compromisos ós antigos e confiar en que a memoria dos cidadáns sexa máis curta que o programa electoral.
Pero tamén aprende o cidadán. E quizá aí estea a parte máis preocupante. Chega un momento en que algunhas persoas deixan mesmo de enfadarse. Quen protesta aínda espera algo. Quen discute de política aínda pensa que merece a pena facelo. Máis preocupante é quen escoita as novas promesas dunha campaña electoral e termina pensando: «¿Para que?».
Non sei cantas persoas deixan de votar por este motivo nin creo que exista unha única explicación. Hai quen non vota por desinterese, quen está satisfeito coa situación, quen non se sente representado e quen simplemente non pode ou non quere participar. Pero cando unha promesa incúmprese sen explicación e ninguén parece pedir contas por iso, deteriórase a confianza. Non sempre se traduce en abstención. Ás veces convértese en cinismo, indiferenza ou nesa frase que se escoita cada vez con máis frecuencia: «son todos iguais».
Esa desconfianza tampouco é nova. En 1899, o vigués Ricardo Mella Cea escribiu La ley del número que o elector «permanece indiferente, coma se soubese de antemán que nada ten que esperar do lexislador». Nesa pasaxe, Mella refírese con «lexislador» ó representante político elixido para lexislar. A súa crítica ó sistema representativo era moito máis radical que a que expoño aquí e non pretendo facela miña. O que me chama a atención é que, 127 anos despois, poidamos ler esa frase e recoñecer algo que segue resultándonos familiar.
Temos unha vantaxe que non deberiamos desprezar: en democracia podemos botar do poder a quen nos goberna. Podemos premiar a quen cumpre e castigar a quen non o fai. Pero para decidir necesitamos saber que nos dixeron e que fixeron despois. Necesitamos unha oposición que fiscalice, uns medios capaces de exercer a súa función sen depender excesivamente daqueles a quen debe vixiar e cidadáns que non aceptemos que cada campaña electoral borre a anterior.
Preocúpame o incumprimento dunha promesa, pero aínda máis que acabemos considerándoo normal. O primeiro pode deberse a circunstancias que quen goberna terá que xustificar. O segundo significa que empezamos a aceptar que a palabra dada en política vale menos que en calquera outro ámbito da nosa vida. E cando prometer dá votos e non cumprir non ten consecuencias, o problema xa non é a promesa. É que prometer terminou saíndo gratis.
Álvaro J. Díaz-Mella
Vigo, agosto de 2026
---
Traducción: Elentir.
|
Non te perdas as novidades e contidos que che interesan. Únete gratis a Contando Estrelas en Telegram: Pulsa aquí para unirte |
Opina sobre esta entrada: