Por Álvaro J. Díaz-Mella
Hai uns días quedei parado diante dun escaparate no centro de Vigo. En primeira liña había un carriño elegante, moderno, perfectamente iluminado. Por un instante pensei que era para bebés. Non o era. Era para mascotas e, xunto a el, aparecía a imaxe dun mozo novo completamente só levando no seu carriño ó seu can. Aquela escena quedoume roldando durante días. Porque, sen pretendelo, resumía bastante ben algo que empeza a respirarse na cidade: cada vez costa máis construír aquí unha vida normal.
Hai non tanto tempo, as rúas proxectaban outra imaxe. Unha parella empuxando un carriño de bebé, os tres xuntos, parecía algo natural, case automático. Hoxe todo iso empeza a sentirse afastado. Hoxe vense menos nenos e máis cans en moitos parques de Vigo.
Moitos rapaces de vinte e poucos anos falan de emanciparse como quen fala de algo case imposible. Cando chegan ós trinta, a realidade é peor. Parellas vivindo en pisos cada vez máis pequenos porque non poden permitirse outra cousa, xente con traballo estable incapaz de aforrar, pais sostendo economicamente a fillos adultos, avós xubilados facendo de apoio constante. Moita xente vive permanentemente ó límite.
Mentres tanto, o Concello exhibe remanentes millonarios, superávits históricos e estabilidade financeira como grandes logros. A contradición xa resulta evidente: o Concello de Vigo ten diñeiro. O veciño, cada vez menos.
A demografía confírmao sen piedade. En 2024 naceron en Vigo apenas 1.468 bebés e morreron 3.034 persoas. En dezaseis anos a natalidade reduciuse practicamente á metade. Vigo sostense grazas á chegada de poboación de fóra, porque por si soa xa non xera suficiente remuda xeracional.
Todo se acumula. O precio da vivenda, os salarios que non chegan, as taxas que soben, o custo da compra ou do alugueiro e a dificultade para empezar un proxecto propio sen vivir preocupado por chegar a fin de mes. Instálase un cansazo colectivo profundo, a sensación de que consolidar un futuro con certa tranquilidade volveuse unha carreira de obstáculos.
O Concello se esfuerza máis en proxectar unha imaxe cara a fóra que en facilitar a vida dos seus veciños. Resulta inquietante ver como multiplica macroparques infantís mentres cada ano nacen menos bebés.
Aínda así, aínda conserva potencial: industria, porto, barrios vivos, identidade forte e capacidade económica. Para reverter esta deriva faría falta unha vontade política real: máis chan e vivenda accesible para mozos, incentivos fiscais potentes e estables para quen forme familias aquí, medidas de conciliación efectivas e priorizar a vida cotiá dos veciños fronte ó escaparate que desfrutan os de fóra. Deixar de tratar como un luxo o que antes era simplemente o habitual.
Unha cidade que deixa de renovarse xeracionalmente perde algo esencial. Ó final non se mide só polas súas luces ou as súas contas saneadas, senón por se os seus mozos poden imaxinarse vivindo nela sen renunciar a case todo.
As cidades de cando en cando morren de golpe. Apáganse amodo, case sen ruído, cando deixan de ser lugares onde merece a pena botar raíces. E hoxe, para moitos, parece máis sinxelo coidar unha mascota que sacar adiante unha familia. Mentres esa ecuación non cambie, os números seguirán contando a mesma historia.
Álvaro J. Díaz-Mella. En Vigo, xuño de 2026.
---
Álvaro J. Díaz-Mella é un vigués felizmente prexubilado que xa peitea canas e ten demasiadas opinións sobre o que ve da nosa sociedade imperfecta.
---
Traducción por Elentir. Foto: Elentir.
|
Non te perdas as novidades e contidos que che interesan. Únete gratis a Contando Estrelas en Telegram: Pulsa aquí para unirte |
Opina sobre esta entrada: