Podería alegar moitos motivos para ser afeccionado á fotografía. Un dos principais é que vivo en Galicia e concretamente en Vigo.
Sempre digo que Galicia é como o paraíso, unha terra cunha riqueza natural impresionante e cunhas paisaxes que te deixan sen palabras. E algúns das mellores paisaxes de Galicia témolos precisamente na Ría de Vigo. Este venres 11 de setembro estiven nun dos lugares máis bonitos da miña cidade, que é o castelo do Castro, situado sobre un outeiro no centro de Vigo. Estiven concretamente na zona do recinto interior, tomando fotos do ocaso e do crepúsculo desde o saínte de Coya (do que xa vos falei aquí hai un ano).
Había un grupo de mozos facendo fotos no miradoiro (un dos mellores e máis visitados de Vigo), pero alén deles tivemos a visita dun grupo de media ducia de lavancos reais (Anas platyrhynchos, tanto machos como femias), que adoitan estar no estanque dos patos que hai xunto a unha das portas dese recinto do castelo, pero que á noitiña voan ata o estanque situado no recinto interior da fortaleza.
Podedes ver aquí unha selección de 16 das fotos que fixen. Todas as fotos foron tomadas no recinto interior do castelo, menos a última, que é dun miradoiro do segundo recinto. Ningunha das imaxes foi retocada: publiqueinas tal como as tomei coa miña cámara réflex. Póñoas aquí na mesma orde en que as tomei. Podedes ver as fotos ampliadas pulsando sobre elas.
|
Non te perdas as novidades e contidos que che interesan. Únete gratis a Contando Estrelas en Telegram: Pulsa aquí para unirte |
Opina sobre esta entrada: