Ultimamente estase falando moito sobre que saída hase de ofrecer a aquelas persoas que sofren unha enfermidade incurable ou que están moribundas.
Algúns defenden a eutanasia, disfrazándoa de "morte digna" e falando das persoas que sofren certas enfermidades coma se fosen unha carga. Fronte a esa posición, algúns defendemos a necesidade dos coidados paliativos, é dicir, de proporcionar unha vida digna ós enfermos, que non se lles faga desexar morrer. A Igrexa católica tamén rexeita o "ensañamiento terapéutico", sinalando o seguinte: "Tutelar a dignidade do morrer significa tanto excluír a anticipación da morte como o atrasala co chamado “ensañamiento terapéutico”. A medicina actual dispón, de feito, de medios capaces de atrasar artificialmente a morte, sen que o paciente reciba en tales casos un beneficio real".
Chegados a este punto, algúns estarán a pensar: "a Elentir fóiselle a pinza e púxose a falar de cuestións bioéticas nunha entrada sobre temas lingüísticos". Pois non. Se empecei así esta entrada é porque hai persoas que tenden a falar sobre as linguas coma se tratásese de seres humanos, incluso outorgando ós idiomas dereitos sobre as persoas, uns falsos dereitos que nos obrigan a renunciar á nosa liberdade lingüística -é dicir, ó noso dereito para usar a lingua oficial que elixamos, e non a que nos impoñan- co pretexto de que se non o facemos, unha lingua pode chegar a morrer.
Obviamente, as linguas son algo moi importante. Constitúen unha parte notable do noso patrimonio cultural, xa que a través delas transmitíronse moitos dos coñecementos que posuímos. Pero a importancia das linguas non debe facernos esquecer para que serven: para comunicarnos. No plano da comunicación, e polas máis diversas causas, hai linguas que son mellores para comunicarse que outras porque as fala moita máis xente. Os españois temos a sorte de posuír unha das linguas máis faladas do mundo: o español. E curiosamente, en España temos a políticos empeñados en poñernos barreiras lingüísticas e someternos a imposicións para que falemos outras linguas porque, segundo din, se non o facemos desaparecerán.
Para empezar, hai que negar ese argumento. Idiomas como o galego, o vasco e o catalán están moi lonxe de desaparecer. Na actualidade teñen unha cantidade considerable de falantes e é moi pouco probable que esas comunidades lingüísticas desaparezan da noite para a mañá. O que si ameaza a esas linguas é o ensañamiento lingüístico, parafraseando a expresión utilizada pola Igrexa para referirse a aqueles procedementos usados para alongar unha vida artificialmente, sen ningún beneficio para o paciente.
Os nosos políticos laméntanse a miúdo da perda de falantes novos do galego, pero non se pararon a pensar que contribuíron a iso, en primeiro lugar facendo un idioma cada vez máis artificial e afastado do galego popular (por un empeño absurdo en tranquilizar ó lusismo e en fomentar un estúpido diferencialismo que leva a cambiar palabras tradicionais galegas simplemente porque se parecen ás españolas). Pero sobre todo, o que dana a linguas como o galego é que llas impoña. Iso acaba por convertelas en algo odioso para moitos mozos, mesmo aqueles cuxas familias falan o galego de toda a vida, e non o produto de laboratorio que ensinan nas escolas.
Por outra banda, cabe preguntarse: ¿cantos máis sacrificios van esixir co pretexto de que non se nos morra tal ou cal lingua? Porque en España chegamos a uns extremos propios dunha ditadura no que a linguas refírese, e chegados a eses extremos é lóxico preguntarse: ¿conservar un idioma xustifica sacrificar a nosa liberdade? O que mantén a unha lingua viva é que resulte útil para os seus falantes. As linguas que non o son, desaparecen.
No seu libro "Language Death" (Cambridge University Press, 2000), o lingüista británico David Crystal cita estimacións do lingüista estadounidense Michael E. Krauss sinalando que hai 10.000 anos puido haber entre 5.000 e 20.000 idiomas distintos. Krauss estimou que, optando pola media, o maior número de idiomas que houbo nalgún momento na historia foi de 12.000. Hoxe existen uns 6.000, dos cales só uns 600 están a salvo dun certo perigo de extinción.
Ó longo da historia houbo idiomas tan importantes como o latín, o grego antigo, o íbero, o hitita, o huno, o galo e o gótico que morreron, nalgúns casos dando paso a linguas derivadas, como ocorreu co latín. Este idioma nin sequera seguiu existindo como lingua viva a pesar de ser a lingua litúrxica oficial de la Iglesia Católica durante séculos e o idioma oficial do Sacro Imperio Romano Germánico. ¿Alguén sacrificaría hoxe en día os seus dereitos fundamentais por manter vivo o latín?
Por suposto, con isto non estou a suxerir que debamos liquidar ningún idioma. Eu falo habitualmente español (a miña lingua materna) e galego, pero fáloos porque me dá a gana. Velaí o importante: a liberdade. Se se dese a circunstancia de que o español correse perigo de extinguirse, non me parecería xusto mantelo con vida recorrendo a medidas ditatoriais como as que usan algúns en aras da supervivencia do galego ou do catalán. Se queredes manter vivo un idioma, deixade que cada un fale a lingua que lle dea a real gana, que é o propio dunha sociedade libre. E se se dese a circunstancia de que ninguén quixese falar unha determinada lingua, pois será que lle chegou a hora de morrerse. Chegado ese momento, só restará dicir: descanse en paz. O terrible é que maten a nosa liberdade coa escusa de manter vivo un idioma.
---
Imaxe: "A Torre de Babel", cadro de Pieter Brueghel o Vello.
|
Non te perdas as novidades e contidos que che interesan. Únete gratis a Contando Estrelas en Telegram: Pulsa aquí para unirte |
Opina sobre esta entrada: