Xunto con outras rexións españolas, Galicia ten a desgracia de verse afectada pola existencia de movementos secesionistas.
O mesmo que noutros sitios, a ideoloxía dese movemento pódese resumir no odio a España e á lingua española. Levo décadas lendo e escoitando discursos separatistas e non vin nin un só argumento minimamente serio e convincente sobre que gañaría Galicia separándose do resto de España. O que hai neses discursos, pola contra, é a errónea crenza de que ter unha lingua rexional ou certas peculuaridades culturais é motivo suficiente para apoiar a idea de que Galicia deixe ser parte de España, un completo absurdo que recibe o rexeitamento da ampla maioría dos galegos.
Como ocorre con outros nacionalismos, o secesionismo galego apoia gran parte das súas dogmas na falsificación do pasado, unha falsificación que ten ó patrimonio lingüístico de Galicia entre as súas principais vítimas. Existe abundante documentación que demostra que en Galicia véñense falando dúas linguas, o castelán e o galego, desde a Idade Media. Os dous idiomas deixaron de ser meros dialectos do latín vulgar para converterse en linguas nesa época, de modo que o idioma español ten tanto arraigamento en Galicia como o galego.
O problema que ese feito supón para o nacionalismo galego é evidente. Os secesionistas basean gran parte das súas dogmas na lingua e a presenza do español estórballes. Máis fastidioso aínda para eles é o feito de que hoxe o español sexa a lingua máis falada en Galicia, despois de numerosos esforzos para desprazala. O galego é unha lingua preciosa que está a sufrir os efectos da intolerancia nacionalista, que conseguiu xerar rexeitamento cara a aquilo que intenta impoñer con métodos propios de antidemócratas.
Os métodos habituais do nacionalismo galego inclúen o insulto contra todos aqueles que non encaixamos coas súas ideas. Isto xa non só inclúe o mero feito de discrepar da súa ideoloxía en maior ou menor medida: para ser insultado por un separatista galego bástache con falar en español, que é -repito- a lingua falada pola maioría dos galegos. Desde hai uns anos, o separatismo vén estigmatizando a calquera galego que fala en español dunha forma típica dun movemento fascista, cualificando ós hispanohablantes como malos galegos, colonos, inmigrantes e cousas polo estilo, ou despreciando e ridiculizando o idioma español baixo a estúpida idea de que "soa mal", un patético intento de acomplexar ós galegos que falan nesa lingua, moi parecido ó patético intento doutros, anos atrás, por acomplexar ós galegofalantes. Ó final, o separatismo galego imita e copia os métodos dese fascismo ó que tanto di odiar.
Como é habitual en certos movementos políticos, os repetidos fracasos electorais do brazo político do sepatatismo só serviron para acentuar esas actitudes intolerantes, unha deriva alimentada tamén polo feito de que gran parte do separatismo galego milita ademais nun extremismo esquerdista xa de seu propenso ó fanatismo. Nestes últimos anos vimos cousas tan bochornosas como o BNG (Bloque Nacionalista Galego, que ten un escano no Congreso, outro no Senado e 19 no Parlamento de Galicia) aplaudindo publicamente a unha organización cualificada como terrorista pola Unión Europea, unha escena que se repite ano tras ano. Na pasada década, o BNG votou en contra de mocións de condena do grupo terrorista Resistencia Galega en máis de medio centenar de municipios. Uns posicionamentos puramente bochornosos.
A representación simbólica dese extremismo é a colocación da estrela vermella sobre a bandeira galega, unha mestura que ós separatistas lles encanta, pois lendo as súas proclamas dásche conta de que queren converter a Galicia en algo parecido á Albania comunista de Enver Hoxha, un estado hermético dirixido por unha seita extremista empeñada en reprimir ó pobo para impedir calquera discrepancia. En realidade, a estrela vermella comparte espazo coa esvástica nazi no podio dos símbolos totalitarios que serviron para decorar algúns dos maiores xenocidios da historia. Os que non nacésedes en Galicia podedes entender, así pois, o noxo que nos provoca a moitos galegos ver a nosa bandeira rexional manchada con ese pegote totalitario.
Tendo en conta todo o anterior, a ninguén lle debería sorprender o feito de que cada vez máis galegos estamos fartos dese fanatismo nacionalista, que xa non se conforma con intentar facernos a vida imposible ós que nacemos e vivimos aquí, senón que tamén se marcou como obxectivo promover a turismofobia, atacando unha das principais fontes de ingresos de moitas empresas galegas simplemente porque a chegada de xentes doutras partes de España e do mundo choca con ese propósito de converter a Galicia nunha réplica da Albania comunista. Por suposto, esa intolerancia separatista cara ós turistas non é representativa do pobo galego nin de lonxe. Galicia sempre demostrou ser unha terra hospitalaria: o que fai o separatismo é algo profundamente antigalego.
|
Non te perdas as novidades e contidos que che interesan. Únete gratis a Contando Estrelas en Telegram: Pulsa aquí para unirte |
Opina sobre esta entrada: