«A responsabilidade política non pode limitarse a inaugurar proxectos»

A Administración tamén debería render contas

EspEng 13·9·2026 · 17:47 0

Por Álvaro J. Díaz-Mella

Que ocorre cando un cidadán incumpre unha obriga fronte á Administración? A resposta coñecémola todos. A pregunta de verdade é outra: que ocorre cando é a propia Administración a que incumpre as súas fronte ó cidadán.

Concertos hoxe, débeda mañá: o futuro que lle deixamos a Galicia
De Cidadán Kane a Cidadán Soros: a mutación do control mediático

Un español mantén hoxe unha relación permanente cun número de administracións públicas que hai unhas décadas resultaría difícil de imaxinar. A Unión Europea aproba normas que entran no ordenamento nacional. O Estado regula impostos, Seguridade Social ou Xustiza. As comunidades autónomas xestionan sanidade, educación ou servizos sociais. Os concellos interveñen en urbanismo, mobilidade, licenzas ou tributos locais. A iso súmanse organismos reguladores, axencias, deputacións e consorcios. Esa presenza constante arrastra unha carga crecente de obrigacións: declaracións, autorizacións, inspeccións, taxas e procedementos. Nunha sociedade complexa é lóxico que existan regras. O discutible é se ese aumento foi acompañado dunha mellora equivalente na eficacia administrativa e, sobre todo, dunha responsabilidade efectiva cando incumpre quen manda.

Cando un cidadán presenta un documento fóra de prazo ou omite un requisito, as consecuencias adoitan ser inmediatas: perde un dereito, recibe unha sanción ou ten que iniciar un procedemento para reparar o dano. Cando é a Administración a que incumpre un prazo legal, atrasa unha resolución ou deixa sen contestación unha solicitude, o cidadán debe insistir, presentar novos escritos, interpoñer recursos ou acudir a órganos de supervisión, mentres o procedemento segue o seu curso sen un custo equivalente para quen incumpriu.

Non son casos illados. O Defensor do Pobo rexistrou preto de 1.300 queixas individuais por atrasos na valoración do grao de discapacidade durante 2025. A institución considérao un problema estrutural e, na gran maioría dos casos, a espera supera con fartura o prazo legal de seis meses. En materia de transparencia, o 45,5% das reclamacións presentadas ante o Consello de Transparencia e Bo goberno en 2025 tiveron como causa o silencio administrativo da Administración Xeral do Estado. Esa porcentaxe sobe ó 75,3% no ámbito autonómico e local. En estranxeiría, nacionalidade e outros procedementos, o incumprimento rutineiro dos prazos do artigo 21 da Lei 39/2015 é unha experiencia estendida.

Estas dilacións non responden a unha soa causa. Poden pesar a falta de persoal e de medios, a complexidade normativa, prioridades políticas non declaradas ou unha organización interna deficiente. Agrupar á Administración Xeral do Estado, ás comunidades autónomas e ós concellos baixo un mesmo diagnóstico oculta diferenzas reais e dificulta as solucións. Un atraso nun municipio pequeno non ten as mesmas raíces nin as mesmas vías de corrección que un na Axencia Tributaria ou nun servizo autonómico de dependencia.

Existen mecanismos formais. O silencio administrativo permite entender estimada ou desestimada unha solicitude, segundo a materia, e abre a vía de recurso. A responsabilidade patrimonial ofrece, en teoría, unha indemnización por funcionamento anormal. Os recursos contencioso-administrativos, a responsabilidade disciplinaria e o control político completan o cadro. O problema non é que falten instrumentos, senón a súa eficacia práctica. Activalos adoita ser lento, custoso para o interesado e pouco disuasorio para quen incumpre. A reclamación patrimonial esixe probar dano, nexo causal e antijuridicidad, e a súa tramitación pode alongarse anos. O silencio, en tantos casos que importan, non pecha o asunto: obriga a pelexar.

As resolucións do Consello de Transparencia poden ser impugnadas xudicialmente polos organismos afectados, e o propio Consello mantén un rexistro dos recursos promovidos contra elas por ministerios, organismos públicos, empresas públicas e particulares. Cando unha Administración recorre unha resolución do organismo creado para garantir o dereito de acceso á información, o cidadán queda atrapado entre institucións públicas e o custo de defender ese dereito volve recaer, de forma desproporcionada, sobre el.

Non se trata de cuestionar a existencia dunha Administración capaz. Unha sociedade avanzada necesita institucións que garantan dereitos, presten servizos e fagan cumprir a legalidade. Precisamente por iso, cuanto maior é a súa capacidade para impoñer obrigacións, recadar impostos ou exercer potestade sancionadora, maior debería ser o seu deber de responder cando non actúa conforme a lei. Detrás de cada norma, de cada orzamento e de cada prioridade hai responsables políticos que administran recursos procedentes do esforzo dos contribuíntes. A responsabilidade política non pode limitarse a inaugurar proxectos. Tamén debe alcanzar ós atrasos, ás ineficiencias e ós resultados da xestión.

Correxir este desequilibrio esixe máis que denuncias. Faría falta fixar prazos realistas, acompañados de consecuencias automáticas ou de doado activación para o cidadán. Publicar indicadores de cumprimento de prazos por organismo. Deseñar incentivos claros para os xestores públicos, e tamén custos, vinculados o cumprimento efectivo. Axilizar a compensación cando o atraso é inxustificado.

A calidade dunha democracia non depende só da cantidade de normas que aproba nin do tamaño do seu aparello administrativo. Depende, sobre todo, de que as regras se apliquen co mesmo rigor a todos e de que o poder estea sometido a mecanismos efectivos de control e responsabilidade. Esixir contas ó cidadán é compatible con esixilas a quen exerce o poder. De feito, unha cousa carece de lexitimidade sen a outra.

Álvaro J. Díaz-Mella
Vigo, setembro de 2026

---

Imaxe: Meta.ai. Traducción: Elentir.

Non te perdas as novidades e contidos que che interesan. Únete gratis a Contando Estrelas en Telegram:

Opina sobre esta entrada:

Debes iniciar sesión para comentar. Pulsa aquí para iniciar sesión. Se ainda non te rexistraches, podes crear unha conta de usuario aquí.

Contando Estrelas
Privacy Overview

Este sitio web utiliza cookies para ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones como reconocerte cuando vuelves a nuestro sitio web y ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones del sitio web te resultan más interesantes y útiles.