Por Álvaro J. Díaz-Mella
De cando os xornais se compraban no quiosco a cando dependen do orzamento público e venderon a súa alma e a súa voz por 30 moedas.
Este artigo xamais o verás publicado en La Voz de Galicia nin en Faro de Vigo. Cito ambos os xornais porque me acompañaron durante toda a vida como vigués, aínda que o diagnóstico é extrapolable a calquera outra cidade española. Precisamente por iso, este texto ve a luz gracias ó blog Contando Estrelas, un espazo que desde 2004 demostra que se pode analizar a actualidade e expresar unha opinión con total liberdade sen percibir xamais un só euro de subvención pública ou privada.
A razón é simple: rompeuse a vella alianza entre quen informa e quen le. Durante boa parte do século XX, a mañá arrincaba cun xesto cotián: deixar o importe do diario sobre o mostrador do quiosco, coller as páxinas dobradas e abrilas pouco despois sobre a mesa do café, mentres de fondo soaba a radio do local ou intuíase o murmurio do televisor do bar. Aquel diñeiro mantiña un compromiso sinxelo entre ambas as partes. Se un medio ocultaba información, contemporizaba co poder ou subestimaba a intelixencia do público, a sanción podía ser inmediata: cambiar de emisora, apagar a televisión ou deixar de comprar o xornal. O público mandaba porque pagaba.
Hoxe miras ó redor en calquera cafetería e só ves pantallas acesas e auriculares. Coa crise de 2008 e a fuga da publicidade privada cara ás grandes plataformas dixitais, os xornais achicáronse e as contas se descuadraron. Os políticos oportunistas ó mando do diñeiro público viron de inmediato a conxuntura: acudiron ó rescate mediante subvencións, convenios e publicidade institucional, convertendo a apurada situación financeira dos medios nunha oportunidade para estender a súa rede de influencia.
Consumouse así unha mutación nas formas de control da información. O século XX encumbró ó magnate de prensa clásico, con William Randolph Hearst como referente real e Charles Foster Kane como a súa versión cinematográfica. A súa fórmula era basta, pero doado de identificar: comprar o xornal para influír na portada e ditar a axenda. O século XXI perfeccionou outros métodos. Xa non sempre fai falta posuír formalmente as empresas: tamén se pode influír financiando proxectos, fundacións, campañas, convenios ou iniciativas editoriais. George Soros aparece con frecuencia como exemplo dese modelo, aínda que financiar unha iniciativa e demostrar que o financiador dita a liña editorial non son exactamente a mesma cousa. Salvando todas as distancias de escala e natureza, os #gobernante locais aprenderon unha lección parecida.
En Galicia, as axudas públicas a medios son localizables: publícanse no Diario Oficial de Galicia, na Base de datos Nacional de Subvencións e nos rexistros de convenios e contratación pública. O problema non é a ausencia de datos, senón a súa dispersión. Para pescudar canto diñeiro público recibe realmente un grupo de comunicación hai que cruzar axudas á edición impresa, partidas para internet, contratos de publicidade institucional de cada consellería e convenios de colaboración, sabendo ademais que os importes poden aparecer repartidos entre sociedades mercantís con nomes distintos.
Unha soa convocatoria autonómica de 2024 permite apreciar a importancia de non quedarse cunha procura incompleta. La Voz de Galicia, S.A. recibiu 550.545,47 euros pola edición en papel e outros 240.723,07 euros pola súa actividade informativa na internet, ata alcanzar 791.268,54 euros. Faro de Vigo, S.A.U. obtivo 220.993,25 euros pola edición impresa e outros 112.161,72 euros por internet, cun total de 333.154,97 euros. Entre ambas as empresas sumaron 1.124.423,51 euros nesa convocatoria. A Xunta, ademais, orzou 1.976.777 euros para este programa tanto en 2025 como en 2026, distribuídos entre prensa impresa, radio e medios dixitais. Estas cantidades non demostran por si soas que a liña editorial de ningún dos dous medios estea condicionada, pero si mostran que non estamos ante unha axuda simbólica ou excepcional.
O grave non é só que un político poida chamar por teléfono para intentar ditar un titular. O verdadeiro problema é que quizá nin sequera lle faga falta. Cando unha empresa sabe que unha parte significativa da súa facturación depende de recursos públicos, a presión pode funcionar mediante incentivos: non investigar demasiado, non romper determinadas relacións, non incomodar á administración financiadora antes da próxima convocatoria. O xornalista non ten por que converterse automaticamente nun lacayo, porque con frecuencia é o traballador quen menos capacidade ten para decidir, pero pode quedar integrado nunha estrutura que protexe ó financiador. A servidume pode instalarse sen unha orde escrita.
Calquera pretensión de xustificar estas partidas baixo o pretexto de apoiar a prensa local, a cultura ou a difusión do galego merece ser examinada con lupa. A defensa da lingua e do pluralismo pode ser unha finalidade lexítima, pero perde credibilidade cando se utiliza para xustificar unha dependencia permanente dos fondos públicos e convértese en coartada para soster unha rede de intereses que ninguén se atreve a auditar a fondo. O problema aparece cando o apoio deixa de ser excepcional, vólvese recorrente e termina funcionando como unha paga fixa coa que determinados grupos completan o seu orzamento. Nese momento, o medio pode deixar de vixiar ó poder e comezar a comportarse como o seu altofalante.
O lector e o oínte de sempre foron substituídos, polo menos en parte, pola administración que paga as facturas. E cando a comunicación depende máis do orzamento oficial que dos seus usuarios, os cidadáns quedamos con menos voces dispostas a pedir explicacións por nós.
Véxoo no meu fillo de 22 anos e en tantos mozos como el, para quen a prensa tradicional, a radio ou os telexornais simplemente non existen. Non compran periódicos, non sintonizan emisoras nin esperan as nove da noite para saber que pasa no mundo. Buscan a información de forma directa e inmediata a través de Youtube, TikTok, X ou Instagram. Iso non significa que toda a información que circula nesas plataformas sexa mellor, máis rigorosa ou máis independente. Significa que os medios tradicionais deixaron de ser a porta de entrada obrigatoria á actualidade.
As institucións poden seguir comprando portadas e espazos con diñeiro público, pero non poden comprar automaticamente a atención de quen xa lles deu as costas. Mentres o poder se felicita por controlar o relato nuns medios cada vez máis fráxiles, a realidade escápaselle polas pantallas dos mozos. E esa quizá sexa a forma máis impecable de xustiza poética: cando unha sociedade deixa de crer en quen di contarlle a verdade, nin sequera o diñeiro público basta para recuperar a súa confianza.
Álvaro J. Díaz-Mella
Vigo, septiembre de 2026
---
Fontes das cifras:
---
Imaxe: fotograma da película "Citizen Kane" (1941). Traducción: Elentir.
|
Non te perdas as novidades e contidos que che interesan. Únete gratis a Contando Estrelas en Telegram: Pulsa aquí para unirte |
Opina sobre esta entrada: