Por Álvaro J. Díaz-Mella
Calquera que pasease a primeiros de setembro polo peirao de Transatlánticos, en Vigo, vería uns carteis enormes anunciando o festival Son & Mar Vigo. O Faro resumiuno sen querelo: «Vigo rebobina ata os noventa». Véndeno como un agasallo, gratis. Os valos, non: levan o selo de Concertos do Xacobeo, da Xunta, de Galicia Calidade e o adianto do Xacobeo 2027. Tamén está a Deputación de Pontevedra. Un PPdeG que leva tanto tempo en San Caetano que xa confunde Galicia coa súa programación de fin de semana.
O porto non está de festa por casualidade. Quen pasea ve á administración ocupando o peirao coma se esa fose o seu xeito de estar na cidade. Nos noventa aquela música pagábase en despacho de billetes. Agora anúnciase como patrimonio público.
En Vigo o número non é novo. O alcalde interprétao cada verán en Castrelos; a Xunta, agora, no peirao. Cambian o logo e o escenario. Non cambia a lóxica: invítante co teu diñeiro e pídenche o aplauso.
Non existe o gratis cando se paga con impostos. O que anuncian como agasallo é unha cobranza sen ticket. No século pasado eu ía a un concerto, pagaba a entrada e punto: o buraco víase no peto. Hoxe non se ve. Está nos impostos e nunha débeda que xa arrastramos todos.
Aquel sábado, entre o público que facía unha interminable cola para entrar, chamoume a atención algo que non esperaba: unha boa parte de quen enchía o peirao non parecían de aquí. Poida que equivocáseme; non levaba un reconto. Queda, aínda así, unha pregunta incómoda. Cos impostos dos galegos finánciase un concerto cuxo público, polo menos esa noite, non era só galego. A Xunta dirá que precisamente diso trátase: atraer turismo e consumo. O problema é que esa promesa case nunca se audita. Anúnciase o llenazo, non o que queda cando se apagan as luces.
Teño 64 anos e un fillo de 22. Ós dous tócannos uns 4.500 euros de débeda por vivir aquí. O concerto, a el, non lle di nada. Investiron a orde: o superfluo se socializa e o futuro hérdase.
Detrás deses carteis hai unha decisión, non un misterio. O Partido Popular de Galicia goberna desde 1990, cunha paréntese de catro anos que non cambiou o estrutural. Non falamos dunha responsabilidade limitada a esta lexislatura, senón do balance de quen dirixiu a Xunta durante máis de tres décadas. A prioridade volve facerse visible no peirao.
Presumen de contas «saneadas» porque o noso endebedamento é menor que o doutras comunidades. É unha coartada cómoda. A débeda pública galega alcanza os 12.281 millóns de euros, o 14% do PIB, segundo o Banco de España. Relativamente baixo, si; irrelevante, non. Os intereses páganse cada ano con recursos que tamén poderían destinarse a outras prioridades. O mesmo goberno que exhibe esa cociente como medalla considera urxente un macroescenario no porto, mentres unha cita en primaria segue tardando máis do que debería.
Que o inverno demográfico sexa europeo non absolve a quen tivo tres décadas para tratalo como urxencia e non o fixo. No primeiro semestre de 2026 naceron aquí 6.355 nenos, un 3,68% menos que no mesmo período do ano anterior, segundo o INE. Ourense cae un 5,74%; A Coruña, un 3,95%; Pontevedra, un 3,92%; Lugo, un 0,25%. As mortes duplican ós nacementos, o rural apágase, a conciliación de peso non chega e o tren de interior segue en ancho ibérico. O teito de gasto non financeiro supera os 14.177 millóns. A urxencia política, con todo, cabe nun cartel.
Un concerto non explica que nazan menos nenos. Si explica que considera urxente a Xunta cando nacen menos nenos. Construíron unha Galicia de escaparate: sedes electrónicas onde o expediente segue durmido nunha mesa dixital. O mozo que quere un emprego á altura da súa formación ten que valorar se a súa vida cabe aquí. E o diñeiro público segue evaporándose en 313 concellos, catro deputacións provinciais e as delegacións territoriais dunha estrutura administrativa fragmentada, que o cidadán percibe como duplicada e difícil de atravesar.
Os cidadáns non votamos cada partida orzamentaria da Xunta. O rodete da maioría absoluta apróbaas ano tras ano. Eu non quero que me inviten co meu propio diñeiro e que encima me pidan as grazas. Quero unha sanidade que non faga esperar, unha administración que responda e que o meu fillo non teña que meter a súa vida nunha maleta para gañarlla fóra de Galicia.
Menos escenario. Máis futuro.
Álvaro J. Díaz-Mella
Vigo, setembro de 2026
Fontes:
---
Imaxe: Grok. Traducción: Elentir.
|
Non te perdas as novidades e contidos que che interesan. Únete gratis a Contando Estrelas en Telegram: Pulsa aquí para unirte |
Opina sobre esta entrada: