Unha defensa dos nosos vínculos con España fronte ó separatismo totalitario

Galegos, é dicir, españois: un manifesto para o 25 de xullo, día do patrón de España

Hoxe os galegos temos dous motivos para celebralo, porque o 25 de xullo celébrase o día de Galicia e o día do patrón de España, Santiago Apóstolo.

Así é como Santiago, o 'Fillo do Trono', converteuse no patrón de España
Unhas palabras do autor do Himno de Galicia que provocarán un desgusto ós separatistas

Por iso, e ante a deriva que boa parte da clase política, dos medios de comunicación e da contorna académica en Galicia leva anos levando a cabo, Contando Estrelas lanza este manifesto do 25 de xullo:

1. Galeguidade é Hispanidade.Galicia ten a súa orixe na provincia de Gallaecia, parte da antiga Hispania romana. Galicia é hoxe a máis antiga das rexións españolas. Por tanto, a galeguidade está históricamente vencellada á Hispanidade dende as súas orixes i é inseparable dela.

2. Os galegos temos dúas linguas dende fai centos de anos. Como a lingua galega, o castelán ou o español fálase en Galicia dende a Idade Media. A súa presencia nesta terra queda plasmada en numerosos documentos e tamén nunha toponimia propia. Excluír, borrar e discriminar esta parte do noso patrimonio cultural é un atentado contra Galicia, cuxa vida e historia quedou reflectida nas dúas linguas. Os galegofalantes son tan galegos como os hispanofalantes, e ambos son tamén igual de españois.

3. Temos dereito a usar as nosas dúas linguas libremente alí onde son oficiais. Isto inclúe o dereito das familias galegas á libre elección da lingua, é dicir, a escolarizar os seus fillos na lingua que elixan, sen excluír a aprendizaxe da outra lingua a través da materia correspondente, e o deber das administracións públicas de non excluír o español, como fan moitas hoxe en día en aras da chamada "normalización lingüística".

4. O español é a nosa lingua común cos demais pobos de España e tamén cos pobos de Hispanoamérica. A súa exclusión e marxinación por parte das administracións públicas non só supón un atentado contra os dereitos individuais dos galegos hispanofalantes, senón tamén un intento de romper os nosos lazos culturais co resto de España, un intento que debemos denunciar, sobre todo cando se realiza no marco de auténticos proxectos de enxeñería social.

5. O separatismo non é defender a Galicia, senón traizoala, porque pretende romper os nosos lazos históricos cos pobos do resto de España, enfrontando ós españois entre si e, en particular, tamén enfrontando ós galegos uns contra outros, tal e como é fixo o separatismo en Cataluña.O separatismo é unha ideoloxía totalitaria que pretende erosionar as nosas liberdades e destruír a nosa convivencia, para que a elite separatista poida exercer o poder absoluto en Galicia sobre a base dun nacionalismo liberticida e excluínte.

6. O separatismo é unha ideoloxía nociva, e o nacionalismo solapado tamén o é. De feito, ambos se alimentan mutuamente. O separatismo é o movemento político que pide abertamente romper a unidade de España. O nacionalismo furtivo é o que promoven aqueles partidos que din non ser separatistas pero que asumen diversos aspectos das teses do nacionalismo excluínte, como a marxinación e discriminación do español, a erradicación dos topónimos españois de Galicia e tamén as figuras históricas exaltadoras do separatismo coma se fosen os auténticos representantes da alma de Galicia.

7. Hai que reivindicar e potenciar a aqueles persoeiros históricos galegos que son un verdadeiro orgullo para Galicia e para o resto de España, pero que foron marxinados por non axustarse ós dogmas do separatismo e do nacionalismo subterráneo. Isto inclúe especialmente aqueles escritores galegos que foron marxinados por escribir en español . A súa obra é tamén unha parte moi importante do patrimonio cultural de Galicia, no que deben figurar de xeito destacado nomes como Emilia Pardo Bazán, Camilo José Cela, Wenceslao Fernández Flórez, Ramón María del Valle-Inclán ou Gonzalo Torrente Ballester, entre outros ilustres galegos.

En conclusión: somos galegos, é dicir, españois. Ambas as dúas condicións están entrelazadas, como os están as nosas dúas linguas, as nosas rías e as nosas costas, os nosos vales e os nosos ríos, os nosos emigrantes e os que residen en Galicia, e tamén os galegos de hoxe e o legado dos nosos antepasados. Tan entrelazadas como os están nos nosos corazóns a Bandeira de España e a Bandeira de Galicia.

¡Viva España e viva Galicia!

Opina sobre esta entrada:

Debes iniciar sesión para comentar. Pulsa aquí para iniciar sesión. Se ainda non te rexistraches, pulsa aquí para rexistrarte.