Por Álvaro J. Díaz-Mella
Hai unha frase que moitos galegos escoitarían algunha vez: «Morreu Pepe Cuiña e en Galicia deixáronse de facer estradas». Como ocorre con tantas expresións populares, probablemente esaxera, pero non nace da nada. Reflicte unha percepción moi estendida: durante décadas Galicia impulsou unha gran rede de estradas, pero aínda arrastra importantes proxectos sen terminar.
Durante unha tempada, a miña muller traballou en Cee. Cada mañá, saíndo de Vigo ás seis da madrugada, tiña que percorrer os 136 quilómetros que a separaban do seu lugar de traballo. Ó terminar a xornada, debía regresar a casa. Case catro horas diarias ó volante só para ir e volver.
A miúdo falamos de autovías, orzamentos ou quilómetros construídos. Pero unha estrada non se mide unicamente polo asfalto que acumula, senón polo tempo que devolve ás persoas: o que unha traballador gana para a súa familia, o que permite a unha ambulancia chegar antes, o que axuda a unha empresa para ser máis competitiva ou facilita que un estudante chegue ó seu centro educativo.
Galicia necesita completar a rede iniciada no século pasado para comunicar mellor as súas catro provincias.
Sería inxusto negar os avances. Hoxe dispoñemos dunha rede de autovías impensable hai corenta anos. O Eixo Atlántico conecta con eficacia A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo, e as comunicacións con Madrid e Portugal melloraron de forma extraordinaria. Con todo, as conexións interiores seguen lonxe dese nivel. Precisamente por iso resulta máis difícil comprender que algunhas das estradas máis importantes sigan pendentes.
A proba comeza cando abandonamos as grandes autovías. É entón cando aparecen as diferencias. Ourense e Lugo, separadas por apenas 94 quilómetros, requiren aínda hora e media de viaxe. O mesmo ocorre para percorrer pouco máis de 90 quilómetros entre Lugo e Viveiro por estrada secundaria, penalizando o desenvolvemento da costa lucense.
Pero unhas boas comunicacións non dependen só das estradas. Tamén necesitan un transporte público capaz de competir co vehículo privado. Un traxecto de 18 quilómetros entre Vigo e Praia América pode levar case unha hora en autobús. A semana pasada, a miña irmá necesitou cincuenta minutos e dous autobuses para percorrer só 7,2 quilómetros ata o Hospital Álvaro Cunqueiro. Un desprazamento tan curto deixou de ser unicamente un problema de transporte. Afectou tamén o acceso á sanidade e á súa calidade de vida.
O transporte público só mellorará cando permita chegar antes, con menos transbordos e horarios adaptados á realidade cotiá. As infraestruturas e os servizos de transporte deben deseñarse pensando nos desprazamentos reais das persoas, non en límites administrativos. O bloqueo crónico do transporte metropolitano no sur de Galicia é o mellor exemplo de como o localismo político prexudica ó usuario.
O Eixo Atlántico é un dos maiores acertos das últimas décadas, pero queda moito por facer. Proxectos como a A-56 ou a A-76 avanzan a ritmo mínimo, e boa parte das estradas que percorren o rural ofrecen prestacións impropias do século XXI.
A responsabilidade está repartida. O Estado xestiona as principais autovías, a Xunta as autonómicas e as deputacións a extensa rede provincial que usan a diario os veciños do interior. Os gobernos do pasado impulsaron boa parte do que hoxe utilizamos e tamén deixaron obras pendentes. As responsabilidades históricas non substitúen ás presentes. Quen hoxe dirixe o Ministerio de Transportes debe explicar por que proxectos como a A-56 ou a A-76 seguen sen avanzar. En novembro de 2025, o propio Executivo recoñeceu ante o Congreso o escaso avance das obras na N-540, vinte meses despois do seu inicio. En definitiva, convén avaliar a cada administración polas obras que empeza, termina ou deixa pendentes.
Hoxe resulta máis doado obter titulares cun gran festival que terminando unha estrada. Un concerto xera impacto inmediato; unha estrada require anos, pero devolve tempo, seguridade e oportunidades durante décadas.
Gobernar consiste en tomar decisións cuxos beneficios desfrutarán as seguintes xeracións. Galicia dispón da capacidade técnica e a experiencia para culminar as grandes conexións pendentes. O reto non é volver empezar, senón terminar o que quedou a medio camiño para que o lugar onde nace ou vive un galego non determine as súas oportunidades nin o tempo que perde cada día.
Porque, ó final, a mellor estrada non é a que suma máis quilómetros, senón a que devolve máis tempo á vida das persoas.
Álvaro J. Díaz-Mella
Vigo, 2026
---
Álvaro J. Díaz-Mella é un vigués felizmente prexubilado que xa peitea canas e ten demasiadas opinións sobre o que ve da nosa sociedade imperfecta.
---
Traducción por Elentir / Foto: Elentir.
|
Non te perdas as novidades e contidos que che interesan. Únete gratis a Contando Estrelas en Telegram: Pulsa aquí para unirte |
Opina sobre esta entrada: