Nimrodel

Nas historias de Tolkien sobre os elfos da Terra Media hai unha verba que ten moita importancia, e que chegou a ser moi popular entre os que lle temos moito cariño a esa obra: "Estel". Non é un nome propio, pero eu prefiro escribila con maiúsculas, porque esa verba expresa unha idea sublime, como é a esperanza máis alá de toda esperanza.

Tolkien non deixaba as cousas á casualidade, e non é casual que a Estel teña unha gran similitude coa Stella, a verba latina que se empregaba para designar ós astros do ceo. As estrelas son un símbolo de esperanza, unha chama viva que alumea o noso camiño na noite. Oriéntannos, fannos de guía e fan brilar os nosos ollos coas súas luces de prata.

Ás veces, pensando na Estel, lémbrome da vella lenda de Nimrodel, a señora élfica da cova branca, e do seu amado Amroth, a quen deron por perdido nas augas do océano cando se botou ó mar para ir na busca dela. É unha triste historia chea de bágoas, case que como todas as historias de elfos, máis nela pode atoparse tamén o rastro da Estel. Nestas noites nas que as estrelas se agochan tralas nubes e mesmo semella que a esperanza fica oculta con elas, sei que Nimrodel segue camiñando polas montañas ou polas fragas, vagando entre a néboa, chamando por Amroth. O mar, o meu mar, non permitiría que el morrese nas olas, e que afogase con él a esperanza de voltar os brazos de Nimrodel.

Un destes días voltarei ó meu observatorio de estrelas, a pesar da cinza, e botarei unha ollada polas montañas, cara ás Rías, pasando a vista pola escura pel do mar e mesmo polo manto estrelado do ceo. Baixo o ceo, entre o mar e a néboa, Nimrodel e Amroth están a buscarse e sei que se atoparán. ¿Quen pode dubidalo? As estrelas o din, coa súa luz de prata que debuxa no manto de Varda, cada noite, o rastro da Estel que nós seguimos.

Opina sobre esta entrada:

Debes iniciar sesión para comentar. Pulsa aquí para iniciar sesión. Se ainda non te rexistraches, pulsa aquí para rexistrarte.