Un lugar rico en fauna e que ten un observatorio para ver as aves

A desembocadura mutante do Muíños, un río que come dunas no sur de Galicia

EspEng 06·2·2025 · 23:35 0

Hai pouco faleivos sobre praia América, en Nigrán, e hoxe vouvos a falar un pouco máis sobre o río que desemboca nese areal.

Praia América, a gran beleza loura de Nigrán na ribeira sur da Ría de Vigo
A desembocadura do río Miñor e a triste maldición deste precioso recuncho de Galicia

O río Muíños nace na zona montañosa do interior do concello de Nigrán (Pontevedra), a uns 360 metros de altura, xunto á parroquia de Chandebrito. Dende alí descende cara á parroquia de Camos, atravesando o actual parque empresarial Porto do Molle, para finalmente saír ó mar na costa sur da Ría de Vigo, entre as praias de Panxón e Praia América (de feito, a desembocadura deste río indica onde empeza unha praia e termina a outra).

O nome do río débese ós muíños de auga que había outrora xunto ó seu leito, nun tempo no que eran usados para moer cereais. Aínda quedan algúns deles na zona. O pasado domingo estiven na desembocadura do río, que se caracteriza polo seu carácter variable, xa que cambia de cando en vez en función da forza coa que baixa a auga e os temporais que azoutan a costa.

As principais víctimas do carácter cambiante do río Muíños son as dunas de Panxón, situadas no lado norte da desembocadura do río. Como xa vos comentei aquí en 2016, estas variacións naturais na desembocadura foron erosionando esas dunas, deixando un noiro de ata 3 metros de alto. Por mor diso, o río foise convertendo nunha ameaza de difícil solución para o sistema dunar de Panxón.

Xunto á desembocadura do río Muíños hai unha pasarela de madeira que comunica Panxón con praia América. Esta pasarela atravesa unha zona con bastante vexetación e na que hai fauna moi variada.

No extremo sur desta pasarela de madeira hai unha caseta de observación ornitolóxica, desde a que podemos ver e tomar fotos das aves que habitan este lugar. Este día non tiven sorte, xa que gran parte desa fauna voara ata Panjón para cheirar a gran cantidade de algas que foran levadas ata a praia polos recentes temporais.

Entre as aves da zona está a gaivota patiamar¡ela (Larus michahellis, a especie máis común da Ría de Vigo), a gaivota chorona (Chroicocephalus ridibundus, características pola cor escura da plumaxe da súa cabeza durante os meses de verán), a lavandeira branca (Motacilla alba), o picapeixe (Alcedo atthis), a pica costeira (Anthus petrosus), a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), o pilro tridáctilo (Calidris alba), o virapedras (Arenaria interpres), a gabita (Haematopus ostralegus), a mobella pequena (Gavia stellata), o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), o pentumeiro (Melanitta nigra) e a garza real (Ardea cinerea), entre outras especies.

Hai que advertir que a desembocadura do río Muiños é unha zona vetada ao baño, por ser unha reserva de flora e fauna.

Podedes ver aquí algunhas fotos máis deste lugar que subín á miña conta de Flickr.

Opina sobre esta entrada:

Debes iniciar sesión para comentar. Pulsa aquí para iniciar sesión. Se ainda non te rexistraches, podes crear unha conta de usuario aquí.