Onte celebrouse en Pontevedra a tradicional procesión do Santo Enterro, na que participan as sete confrarías da cidade.
A Semana Santa de Pontevedra é unha das maiores de Galicia e a maior da provincia. Ademais, ten unha réplica nun histórico comercio local, "A Moda Dabaixo", fundado en 1896 e que xa vai pola cuarta xeración. Os seus escaparates sempre teñen cousas interesantes, incluíndo bonitas miniaturas. Lembro esa tenda desde que era un neno e sempre que vou a Pontevedra paso por alí antes de marcharme.
Segundo Faro de Vigo, a exposición de minuaturas é obra dun profesional xubilado, Paco Luis López, que dedicou 5 anos a facer esta marabilla de miniaturas.
Na exposición aparecen as sete confrarías locais. Sobre estas liñas vemos á Confraría da Veracruz e Misericordia, con carapucha morada cunha cruz potenzada verde e unha túnica negra, que porta o paso da Virxe da Misericordia, e á Confraría do Corpo Santo do Gremio de Mareantes, con túnica branca e carapucha con capa negra, que acompaña ó Cristo crucificado.
Nestoutra imaxe vemos a seis das sete confrarías. Á esquerda vemos á Confraría da nosa Nai da Maior Dor, formada por mulleres con mantilla negra española. Ófao fondo á esquerda vemos a xa citada confraría da Veracruz e, detrás dela, á Confraría do noso Pai Xesús coa Cruz ó Lombo, con carapucha negra, túnica branca e capa vermella. No centro vemos á Confraría do noso Pai Xesús do Silencio, con carapucha branca, túnica negra e capa alaranxada adornada cunha Cruz de Santiago. Á súa dereita vemos á Confraría do Amor Hermoso de Campolongo, con carapucha e capas moradas e túnica branca. Á dereita do todo vemos á Confraría do Espírito Santo, con carapucha e capa brancas e túnica granate.
A exposición pareceume unha marabilla. Segundo Faro de Vigo, as figuras véndense no comercio a un prezo de 12 euros e son un éxito na cidade. É un pracer ver que un traballo de artesanía como este é tan popular.
Ten moito mérito que un comercio con 130 anos de historia siga aberto, especialmente se temos en conta que en España as leis parecen pensadas para penalizar sobre todo aos pequenos comerciantes. Os meus parabéns a "A Moda Dabaixo" por eses 130 anos, que mantén preservando o legado orixinal dos seus fundadores e facendo que moitos nenos, incluso os que xa non somos tan baixiños como hai 40 anos, sigamos desfrutando ao ver os seus escaparates.
|
Non te perdas as novidades e contidos que che interesan. Únete gratis a Contando Estrelas en Telegram: Pulsa aquí para unirte |
Opina sobre esta entrada: