Como vos comentei hai uns meses, este blog empezou a súa andaina sendo un pasatempo literario, fai xa vinte anos.
Neste tempo enlacei moitos sitios webs na páxina de ligazóns do blog. Co tempo os vou renovando, pois moitos dos sitios enlazados desapareceron. Dos primeiros sitios que enlacei, un aínda segue existindo: titúlase "A media voz". O seu dominio foi rexistrado no ano 2002, de modo que xa ten polo menos 22 anos de vida. A finalidade deste sitio é recompilar poemas en español.
"A media voz" ten unha curiosa historia. A súa autora foi unha muller colombiana, Graciela Henao Londoño, nacida en Manizales, Colombia, en abril de 1939. Graciela era fisioterapeuta, un traballo ao que se dedicou ata novembro de 2012, uns meses antes de morrer en xaneiro de 2013. O sitio web explica así como se lle ocorreu a Graciela a idea de crealo:
"En 1998 diagnosticáronlle un carcinoma no seu ollo dereito, diagnóstico que enfrontou con valentía; e como terapia dedicouse á elaboración desta páxina –co pseudónimo de “Grace”- converténdose así en experta neste tema que lle apaixonou desde pequena; e continuando ao mesmo tempo co seu traballo profesional. Foi unha vida dedicada a servir e ao goce da poesía".
A día de hoxe, "A media voz" contén poemas de 707 autores, tanto poetas en lingua española como poetas noutras linguas, aínda que neste último caso os poemas recompilados son traducións ao español.
O deseño dese sitio web é sinxelo e elegante, e mantense así desde hai moitos anos. Gocei de moi bos momentos lendo ese sitio, e se vos gusta a poesía recoméndovolo. A úa URL é amediavoz.com. Sirvan estas liñas como homenaxe á súa autora.
|
Non te perdas as novidades e contidos que che interesan. Únete gratis a Contando Estrelas en Telegram: Pulsa aquí para unirte |
Opina sobre esta entrada: