Por Álvaro J. Díaz-Mella
Hai unhas semanas, un amigo vigués contábame que para voar a Londres ou a calquera destino europeo habitual terminara comprando o billete en Oporto. “Sáeme máis barato, hai máis horarios e tardo menos en chegar ó aeroporto que facendo conexións aquí.”
Esa conversación resume un feito incómodo: moitos galegos, especialmente do sur, xa voan directamente desde Oporto.
Desde Vigo saen máis autobuses diarios ó aeroporto de Oporto (ata 19 conexións) que ó de Lavacolla en Santiago (só unha ou dúas frecuencias directas en moitos días). O dato fala por si só.
En Galicia existen tres aeroportos (Peinador en Vigo, Lavacolla en Santiago e Alvedro na Coruña) que están relativamente cerca uns doutros, con distancias de entre 80 e 150 quilómetros. No canto de complementarse, terminaron converténdose en rivais, gastando recursos públicos e disputándose roteiros e pasaxeiros.
O mesmo ocorre cos portos. En lugar de construír un gran porto atlántico galego forte e coordinado, levamos décadas alimentando unha rivalidade estéril entre Vigo e A Coruña que só beneficia a terceiros. É o mesmo patrón de sempre.
En Galicia, as decisións estratéxicas equivocadas rara vez se corrixen. Acumúlanse. E as súas consecuencias terminan condicionando o presente e o futuro.
Mentres tanto, o aeroporto de Oporto pechou 2025 con case 17 millóns de pasaxeiros, case tres veces máis que os tres galegos xuntos, que apenas chegaron a 5,5 millóns. Despois de anos de subvencións, convenios e rivalidades locais, o balance é claro: Oporto gañou e Galicia segue repartindo pasaxeiros entre tres aeroportos que compiten entre si.
O problema non é só o resultado. É tamén o camiño percorrido. Durante anos asistimos a unha competición permanente entre administracións para atraer roteiros e aeroliñas. Vigo, Santiago e A Coruña actuaron moitas veces máis como rivais que como partes dunha estratexia común. O diñeiro público financiando pelexas internas mentres o competidor real crece alén do Miño.
Como dicía Thomas Sowell, “É difícil imaxinar un xeito máis bobo ou perigosa de tomar as decisións que encargalas ás persoas que non pagan o prezo por equivocarse”. Aquí vese claro: os políticos poden manter tres aeroportos deficitarios porque o diñeiro non é seu, senón de todos. Mentres eles gañan votos defendendo “o seu” aeroporto, alimentan unha competencia entre cidades galegas que non debería existir.
Se unha empresa privada tivese que deseñar hoxe o sistema aeroportuario galego desde cero, resulta difícil crer que elixise tres aeroportos competindo a tan pouca distancia.
Galicia non necesita tres aeroportos competindo. Necesita un capaz de competir.
A obxección máis habitual é inmediata: ¿que ocorrería entón con Vigo e A Coruña? A resposta non ten por que ser o abandono nin o peche físico. Poderían manterse outros usos aeroportuarios, loxísticos ou empresariais. O que debería debaterse é se ten sentido seguir sostendo tres aeroportos comerciais disputándose os mesmos pasaxeiros.
Pero ningún presidente da Xunta quixo asumir o custo político de abrir ese debate. Tampouco a oposición. Todos saben que existe, pero ningún quere pagar o prezo político de afrontalo. É máis cómodo seguir subvencionando o insostible, xa que non é o seu diñeiro.
Os galegos seguimos indo a Oporto, os recursos dispérsanse e Galicia perde peso en conectividade internacional. Non é mala sorte. É falta de visión, egoísmos territoriais e unha clase política que, xeración tras xeración, prefire alimentar rivalidades locais antes que defender o interese xeral de Galicia.
Álvaro J. Díaz-Mella
Vigo
---
Álvaro J. Díaz-Mella é un vigués felizmente prexubilado que xa peitea canas e ten demasiadas opinións sobre o que ve da nosa sociedade imperfecta.
---
Traducción por Elentir. Foto: Raulgvazquez.
|
Non te perdas as novidades e contidos que che interesan. Únete gratis a Contando Estrelas en Telegram: Pulsa aquí para unirte |
Opina sobre esta entrada: