«Ambos comparten unha profunda desconfianza cara ó poder político»

Ricardo Mella e Miguel Anxo Bastos, dous vigueses incómodos

EspEng 17·6·2026 · 17:52 0

Por Álvaro J. Díaz-Mella

Hai uns meses asistín en Vigo a unha conferencia de Miguel Anxo Bastos. Mentres o escoitaba falar sobre os límites do poder político, a burocracia e a tendencia das institucións para crecer máis aló dos seus fins orixinais, atopeime pensando noutra persoa nada nesta cidade máis dun século antes: Ricardo Mella.

Vigo morre. A cidade das luces que se apaga
Galicia, ese lugar onde agora che miran a lingua antes que mirarche ós ollos

Son sobriño neto de Mella e levaba meses relendo A lei do número, publicada en 1893. Ó saír daquela conferencia tiven a sensación de que ambos estaban a participar, desde épocas e tradicións moi distintas, nunha conversación parecida.

Non porque pensasen igual. Non o facían.

Ricardo Mella foi un dos principais referentes do anarquismo español de finais do século XIX. Miguel Anxo Bastos é unha das voces máis coñecidas do liberalismo contemporáneo inspirado na escola austríaca. Os seus puntos de partida son distintos e as súas propostas económicas tamén.

Con todo, ambos comparten unha profunda desconfianza cara ó poder político cando deixa de actuar como instrumento e empeza a converterse nun fin en si mesmo.

A España que coñeceu Mella estaba marcada polo caciquismo, a fraude electoral e un sistema político onde as eleccións servían moitas veces para ratificar acordos previamente establecidos. Fronte a aquela realidade expuxo unha idea que segue resultando incómoda: unha maioría non converte automaticamente unha decisión en xusta.

As maiorías poden equivocarse. Poden actuar movidas por intereses inmediatos, polo costume ou pola influencia de quen moldea a opinión pública. O simple feito de votar non elimina eses riscos.

Lendo hoxe a Mella resulta difícil non pensar nalgúns debates actuais. Non porque a España de 2026 sexa a España de 1893, que afortunadamente non o é, senón porque certas dinámicas parecen reaparecer con distintos nomes.

Bastos adoita insistir en algo parecido cando cuestiona a idea de que calquera decisión estatal quede lexitimada unicamente porque fose apoiada electoralmente. Ambos desconfían da tendencia das estruturas políticas a adquirir vida propia e a afastarse progresivamente de quen di representar.

Outro aspecto que me chamou a atención ó comparar a ambos os autores é a importancia que conceden ós límites do poder.

Mella distinguía claramente entre a autoridade derivada do coñecemento e a autoridade derivada do cargo. Respectaba o médico competente, ó enxeñeiro experimentado ou ó mestre recoñecido. O que cuestionaba era que ese prestixio outorgase un dereito permanente a dirixir a vida dos demais.

Máis dun século despois, Bastos expón obxeccións parecidas desde unha tradición intelectual completamente diferente. O seu argumento é que o coñecemento está disperso entre millóns de persoas e que ningún organismo central posúe a información necesaria para organizar eficazmente unha sociedade complexa.

As diferencias entre ambos son evidentes e convén non ocultalas.

Mella desconfiaba tanto do Estado como das grandes concentracións de capital. Bastos, pola contra, considera que a propiedade privada e o mercado son ferramentas fundamentais para protexer a liberdade individual e coordinar a actividade económica.

Non estamos ante dous autores que chegan a conclusións similares porque compartan ideoloxía. Estamos ante dous pensadores que parten de tradicións moi distintas e que, con todo, terminan formulando preguntas parecidas sobre o poder, a representación política e a autonomía das persoas.

Quizá por iso Ricardo Mella segue tendo algo que dicir máis dun século despois.

Con demasiada frecuencia lémbraselle unicamente como un anarquista galego. Ó meu xuízo, esa etiqueta resulta insuficiente. As súas reflexións sobre as maiorías, as institucións, a concentración de poder ou a relación entre #gobernante e gobernados seguen sendo útiles para comprender algúns debates actuais.

Moitas das preguntas que expuxo continúan abertas.

¿Canto poder necesita realmente unha sociedade para funcionar?

¿Como evitar que as institucións terminen traballando para si mesmas?

¿Ata que punto as elites políticas, administrativas e mediáticas acaban formando círculos relativamente pechados?

¿Non teño respostas definitivas para esas cuestións.

O único que sei é que, despois de reler a Mella e escoitar a Bastos, parécenme preguntas tan vixentes como entón.strong>

E cando un autor segue obrigándote a facerche preguntas máis dun século despois, probablemente merece ser lido.

Álvaro J. Díaz-Mella
Sobrino neto de Ricardo Mella

---

Álvaro J. Díaz-Mella é un vigués felizmente prexubilado que xa peitea canas e ten demasiadas opinións sobre o que ve da nosa sociedade imperfecta.

---

Traducción por Elentir. Imaxe: openart.ai.

Non te perdas as novidades e contidos que che interesan. Únete gratis a Contando Estrelas en Telegram:

Opina sobre esta entrada:

Debes iniciar sesión para comentar. Pulsa aquí para iniciar sesión. Se ainda non te rexistraches, podes crear unha conta de usuario aquí.